TEMA 2 - O ciclo de vida da célula
O ciclo de vida dunha célula
O ciclo celular é o conxunto de acontecementos que teñen lugar na célula dende que se forma ata que se divide. Consta de dúas etapas: interfase e división celular.INTERFASE
É unha etapa de crecemento, de gran actividade metabólica e que ocupa a maior parte da vida da célula. Diferéncianse tres fases:
- G1: comezo da síntese de proteínas. Increméntase o volume do citoplasma, o tamaño e o número dos seus orgánulos. As células que non se dividen detéñense nesta etapa do ciclo celular.
- Fase S (síntese): prodúcese a duplicación do ADN e os cromosomas pasan a estar compostos por dúas cromátides idénticas
- G2: produción de novos orgánulos e a célula prepárase para a división.
DIVISIÓN CELULAR
Denomínase fase M. É unha etapa breve na vida da célula e comprende dúas fases:
- Mitose (ou a división do núcleo): coa repartición de cromosomas entre as células fillas.
- Citocinese: consiste na división do citoplasma e a separación das dúas células fillas.
MITOSE é a división do núcleo celular para dar lugar a dúas células fillas con idéntica información xenética que a célula nai. É a forma de reprodución asexual común a todas as células eucariotas.
Nos animais este proceso ocorre en practicamente todos os tecidos pero, nas plantas, só ocorre en determinados tecidos chamados meristemas (son os encargados de dividirse e dar lugar aos demais tecidos da planta).O movemento dos cromosomas durante a mitose está controlada por dúas estruturas do citoesqueleto celular: centríolos (só están presentes nas células animais) e fuso mitótico.
A mitose divídese en varias etapas que permiten estudar mellor os fenómenos que suceden. As etapas da mitose son:
- Profase: a cromatina condensada forma os cromosomas. Desaparece a envoltura nuclear e o nucléolo. Os centríolos migran cara aos polos. Fórmase o fuso mitótico.
- Metafase: os cromosomas insírense nos microtúbulos do fuso e dispóñense no centro da célula.
- Anafase: as cromátides idénticas de cada cromosoma sepáranse. As fibras do fuso acúrtanse e arrastran ás cromátides aos polos da célula.
- Telofase: os cromosomas nos polos celulares descondénsanse para formar a cromatina. Aparece a membrana nuclear e o núcleolo. Desaparece o fuso mitótico.
MEIOSE é o proceso de división celular mediante o cal a partir dunha célula diploide se producen catro células fillas haploides (gametos).
Só ten lugar nos órganos produtores de gametos, ovarios e testículos nos animais e estames e ovarios nas plantas.A meiose consiste en dúas divisións celulares consecutivas (meiose I e meiose II), semellantes a unha mitose, pero entre estas divisións non se produce duplicación do ADN. As etapas das dúas divisións son: profase, metafase, anafase e telofase.
As células resultantes da meiose non conteñen idéntica información xenética que a célula nai, como ocorre na mitose. Conteñen distintas combinacións de xenes que se xeran durante a meiose grazas ao intercambio de material xenético entre cromátides de cromosomas homólogos. Este proceso denomínase entrecruzamento e ten como resultado a recombinación xenética. Ten lugar durante o apareamento dos cromosomas homólogos, na profase I.
Etapas dos acontecementos que ocorren durante a meiose:
- Meiose I: profase I moi longa na que se produce intercambio de material xenético entre cromátides de cromosomas homólogos. Os cromosomas homólogos sepáranse e o resultado son dúas células haploides.
- Meiose II: as células comezan unha nova división (é unha mitose normal) debido a que non pasa por un período de interfase nin de duplicación dos cromosomas.
Que achegan a mitose e a meiose?
MITOSE: nos organismos pluricelulares permítelle aos individuos medrar e renovar os seus tecidos mediante sucesivas divisións das súas células. As células orixinadas por este proceso son xeneticamente idénticas ás da célula proxenitora. Nos organismos unicelulares este proceso representa unha forma de reprodución asexual.MEIOSE: prodúcense gametos haploides que tras a fecundación orixinarán un cigoto diploide. Mantén constante o número de cromosomas dos individuos e da especie durante a reprodución sexual. Aumenta a variabilidade xenética dos individuos mediante estes mecanismos:
- Distribución independente dos cromosomas.
- Recombinación xenética.
- Fecundación ao azar dos gametos.
As novas combinacións de xenes poden proporcionar ao individuo unha maior capacidade de supervivencia ou de adaptación ao medio e, á súa vez, poden transmitir estas combinacións á súa descendencia, o que constitúe a base da súa evolución biolóxica.
A meiose permite a formación dos gametos
O proceso de formación de gametos denomínase gametoxénese. Ten lugar nas células xerminais dos órganos reprodutores baixo o control das hormonas sexuais e dá lugar a gametos haploides. Pode ser de dous tipos:- Espermatoxénese (ou formación de gametos masculinos). Ten lugar nos testículos; a partir dunha célula nai diploide (espermatogonia) prodúcense catro células haploides que se diferenciarán a espermatozoides. A metade dos espermatozoides terán un cromosoma sexual X e a outra metade, un cromosoma sexual Y.
- Ovoxénese (ou formación de gametos femininos). Ten lugar nos ovarios; a partir dunha célula nai diploide (ovogonia) prodúcense catro células haploides, un óvulo coa maior parte do citoplasma e tres corpúsculos polares. Todos os óvulos terán un cromosoma sexual X.
Comentarios
Publicar un comentario